Ola de novo a tod@s! Xa estamos de volta de Lugo onde, como xa sabedes, tivo lugar esta fin de semana a I Escola de Formación Feminista Corona González. A verdade é que estamos moi content@s co resultado e, desde aquí, queremos dar as grazas a todas as persoas que participaron e se animaron a vir con nós!

Ao final fomos unha trintena de asistentes os/as que estivemos debatindo e reflexionando, dende un enfóque de xénero, de cuestións tan actuais como a importancia do movemento feminista no mundo en Galiza, a saúde e a medicina, así como as violencias de xénero visíbeis e invisíbeis. Os obradoiros formativos complementáronse con actividades de benestar relacionadas coas augas termais, e así as persoas participantes poidemos gozar de circuítos termais que incluíron sauna seca, sauna húmida, contrastes de auga fría e quente, piscina termal, jacuzzi e sillóns térmicos nos que se aplicou un bálsamo relaxante. Amais,  aproveitamos para facer unha visita cultural ás termas romanas milenarias, ubicadas na parte baixa do balneario.

O balance destes dous días realizado por Luísa González, presidenta do Observatorio da Mariña pola Igualdade, é que se tratou dun encontro “moi positivo, gratificante e enriquecedor non só para o propio Observatorio, senón tamén para todas e todos os asistentes, a xulgar polas valoracións tan optimistas que nos transmitiron na folla de avaliación final”. Unha constante nas valoracións das e dos participantes é que, segundo González, “as persoas que participaron nesta primeira edición manifestaron que lles gustaría repetir a experiencia, alongando ademais o tempo de estadía no balneario así como o tempo dedicado aos debates e foros de reflexión, que a moita xente se lles fixeron curtos”, explicou. Por ese motivo, nas súas palabras, “a segunda edición da Escola de Formación Feminista Corona González xa figura no cronograma de actuacións do Observatorio. A propia consolidación da actividade contribuirá tamén ao noso obxectivo de darlle máis visibilidade á figura de Corona González, unha intelectual galega de comezos do século XX cunha clara conciencia feminista e nacional, e moi vinculada á vila de Ribadeo, cuxo importante labor fica aínda no esquecemento”.

3 Responses to “ÉXITO da I Escola de Formación Feminista Corona González!”
  1. Xavier Says:

    Boas. Era só para transmitir a miña ledicia e o meu entusiasmo por ter participado na primeira Escola de Formación Feminista Corona González, e polo tanto tamén para felicitar ás organizadoras, a vós. Non esaxero: para min foi estupenda, moi interesante e participativa. Aprendín moito e os debates foron moi interesantes. Conclúo coa necesidade de que o feminismo se manteña vinculado ás demais loitas de transformación social, aos demais movementos que combaten as dominacións existentes dentro do sistema capitalista. Acabar coa dominación patriarcal debe ir parello a acabar coa dominación cultural, lingüística, racial, sexual, …
    Nese camiño seguiremos compartindo encontros e momentos tan frutíferos e agradábeis coma os desta fin de semana en Lugo. Parabéns e apertas!

  2. Olga Says:

    Foi unha actividade certamente gratificante e enriquecedora! Abofé que si! E tamén un estímulo para seguirmos traballando por un mundo máis xusto, complementando coa perspectiva feminista todas esoutras loitas tan necesarias contra distintos tipos de opresións que nos axexan. Xa me tarda a vindeira edición da II Escola de Formación Feminista Corona González!

  3. Raquel Says:

    Ola rapazas¡¡¡ so era pa decivos que esta actividade foi do mais interesante, moi ben plantexada, dinámica e moi formativa, asi que agredecervos as organizadoras o voso traballo porque saiu xenial.
    Un bicazo Jrande¡¡¡