Archive for Xuño, 2010

Despois de debater sobre a lingua, o deporte, o aborto, a educación, a economía, etc o pasado venres tivo lugar en Burela a charla-café “Falemos de…Mulleres e saúde: a endometriose”. Chus Méndez e Ana Touriño faláronnos desta enfermidade – que consiste na aparición e crecemento de tecido endometrial fóra do útero-  que padecen 5 de cada 10 mulleres en idade fértil e da que apenas ouvimos nada na nosa vida cotiá. Chus Méndez, xinecóloga do Centro de Especialidades do Complexo Hospitalario Xeral Calde de Lugo, puxo sobre a mesa o punto de vista médico mentres que Ana Touriño deu a súa visión da enfermidade desde un punto de vista sociolóxico, mais tamén como afectada.

A charla-café prolongouse durante máis de dúas horas. Ao longo da mesma púxose de manifesto a maneira na que esta enfermidade altera a calidade de vida das afectadas no tocante as súas relacións de parella, laborais, de reproducción, etc, e tamén a dificultade do seu diagnóstico e tratamento. Ademais, varias afectadas que se atopaban entre o público deron a súa visión particular sobre a enfermidade e fixéronnos partícipes da súa experiencia, contribuindo a facer a charla-café aínda máis interesante e participativa.

 


O vindeiro venres 18, a partir das 20.30 horas, o Observatorio da Mariña pola Igualdade retoma o ciclo de charlas-café FALEMOS DE…. que nesta ocasión terá lugar no café-bar A Fazenda de Burela (Rúa Lamestra, 19), que estrea as súas instalacións da terraza de verán para a ocasión.

 O tema escollido para a sexta cita deste ciclo é  MULLERES E SAÚDE: A ENDOMETRIOSE, e así preténdese arroxar luz sobre a doenza da ENDOMETRIOSE, unha enfermidade relativamente común pero moi descoñecida e aínda moi infradiagnosticada que pode afectar a calquera muller en idade fértil. Na sesión participará Chuz Méndez, xinecóloga do centro de Especialidades do Complexo Hospitalario Xeral Calde de Lugo, e Ana Touriño, que achegará unha visión sociolóxica sobre a doenza.

Con esta cita o Observatorio quere retomar a proposta deste ciclo de charlas, logo da excelente acollida que tiveron as anteriores sesións celebradas durante o ano 2009 e nas que se abordaron os temas da “Repercusión da crise económica nas mulleres” en Ribadeo, “O aborto a debate” e “Mulleres e deporte” en Burela, “A segregación por sexo nas aulas” en Foz e “Xénero e idioma” en San Cibrao. 

O ciclo de charlas FALEMOS DE… é unha actividade a través da que periodicamente se debaten en diferentes vilas da comarca sobre temas relevantes para avanzar na igualdade de xénero, polo que están abertas e dirixidas a toda a cidadanía (mulleres e homes). A actividade resulta innovadora de seu na nosa comarca, pero ademais presenta o aliciente de ter un formato ameno e participativo. Así, lonxe do formato de conferencia convencional, o ciclo de charlas-café FALEMOS DE… busca a interacción das relatoras cos homes e mulleres do público nun ambiente agradábel e acolledor, onde ao mesmo tempo que se escoitan as intervencións se poida tamén tomar unha consumición.

 Deste xeito, o Observatorio quere afondar no seu obxectivo de dar a coñecer as problemáticas que afectan de forma específica ás mulleres da comarca, enfocando a realidade da nosa contorna desde unha perspectiva de xénero que teña en conta as particularidades coas que mulleres e homes vivimos cada situación social.

ESPERÁMOSVOS!!


“Como xa sabíades, durante este último trimestre do curso escolar estivo levándose a cabo por diversos IES da Mariña de Lugo a campaña Dándolle a Volta. Xa vos falamos da experiencia no IES Marqués de Sargadelos, de San Cibrao, e agora  – durante o mes de maio – tocoulle o turno ao IES Perdouro de Burela e ao IES Dionisio Gamallo Fierros, de Ribadeo. Traballamos con alumnado de 2º, 3º e 4º da ESO a construción da identidade de xénero, os roles e estereotipos sexistas, a socialización diferenciada que se nos dá a homes e mulleres dende o momento do nacemento e a violencia de xénero, incidindo neste último caso nos modos en que se dá e posibles abordaxes para a súa prevención.

 No próximo curso académico esperamos seguir traballando coa nosa mocidade xa que nos parece fundamental a educación en igualdade da xente máis nova. Deixámosvos con algunha foto dos obradoiros, neste caso no IES Perdouro.