Archive for Maio, 2010

Máis de 30 persoas participaron no obradoiro Tuppersex que o Observatorio da Mariña pola Igualdade organizou na Casa do Mar ribadense o pasado venres 21 de maio. Como indicara xa nunha acción semellante que tivera lugar en Burela no 2008, cos obradoiros Tuppersex quérese que as mulleres teñamos a oportunidade de reaprendermos a sexualidade desde unha perspectiva feminista, superando así o modelo androcéntrico e dominante do sexo que tan interiorizado temos, e combatendo moitos falsos mitos que existen socialmente sobre a sexualidade feminina e que con frecuencia limitan a nosa vida sexual. O interese que espertou a actividade nas persoas participantes quedou en evidencia pola participación das presentes e a duración do mesmo, que acabou estendéndose ata as tres horas de duración. Deixámosvos con algunhas fotos do mesmo.

 

 


E non paramos!! Despois do éxito da I Escola de Formación Feminista Corona González abrimos o prazo de inscrición ao obradoiro de sexualidade TUPPERSEX  que terá lugar en ribadeo o próximo venres día 21 ás 19.00 horas!

Todas as mulleres e homes maiores de 18 anos poden reservar xa a súa praza para participar o vindeiro venres 21 de maio de outubro, a partir das 19 horas, no obradoiro de sexualidade TUPPERSEX, que terá lugar na Casa do Mar de Ribadeo. Para iso, simplemente deben chamar ao teléfono do Observatorio 627037668 ou ben enviar un correo electrónico a observatorioigualdade@gmail.com, sempre antes do xoves día 20.

 A actividade, organizada polo Observatorio da Mariña pola Igualdade coa colaboración da Delegación de Igualdade do Concello de Ribadeo, será impartida por Natalia Domínguez, membra da asociación e tenda erótica Los Placeres de Lola. Esta será a segunda ocasión na que Los Placeres de Lola visita A Mariña, logo de teren estado en Burela en outubro de 2008 para impartir un multitudinario obradoiro de sexualidade organizado tamén polo Observatorio da Mariña pola Igualdade. (Poden ler a crónica en http://observatorioigualdade.blogaliza.org/2008/10/ )

 O principal obxectivo do obradoiro TUPPERSEX é favorecer cunha metodoloxía lúdica e formativa, e desde unha perspectiva feminista, o autocoñecemento da anatomía fisiolóxica de cadaquén, para rachar cos falsos mitos, tabús e prexuízos que existen arredor do sexo contribuíndo a que tanto mulleres como homes poidan coñecer mellor a súa sexualidade. O obradoiro busca tamén facilitar a adquisición, desenvolvemento e interiorización de hábitos sexuais saudábeis e seguros, así como a mellora da autoestima.

 O outro propósito do TUPPERSEX é presentar os diferentes xoguetes sexuais que existen no mercado mostrando as posibilidades do seu uso erótico, para que as persoas que o desexen poidan mercalos. En efecto, o TUPPERSEX debe o seu nome a esta segunda finalidade, xa que ten a súa orixe nas chamadas demostracións de ‘Tupperware’ tan comúns nas décadas pasadas, nas que varias persoas se reunían para apreciar a versatilidade e funcionalidade dun determinado produto, tendo posteriormente opción a mercalo. Los Placeres de Lola leva anos organizando ou participando en obradoiros de sexualidade TUPPERSEX, todos eles moi concorridos e de enorme éxito.

Esperámosvos!!


Ola de novo a tod@s! Xa estamos de volta de Lugo onde, como xa sabedes, tivo lugar esta fin de semana a I Escola de Formación Feminista Corona González. A verdade é que estamos moi content@s co resultado e, desde aquí, queremos dar as grazas a todas as persoas que participaron e se animaron a vir con nós!

Ao final fomos unha trintena de asistentes os/as que estivemos debatindo e reflexionando, dende un enfóque de xénero, de cuestións tan actuais como a importancia do movemento feminista no mundo en Galiza, a saúde e a medicina, así como as violencias de xénero visíbeis e invisíbeis. Os obradoiros formativos complementáronse con actividades de benestar relacionadas coas augas termais, e así as persoas participantes poidemos gozar de circuítos termais que incluíron sauna seca, sauna húmida, contrastes de auga fría e quente, piscina termal, jacuzzi e sillóns térmicos nos que se aplicou un bálsamo relaxante. Amais,  aproveitamos para facer unha visita cultural ás termas romanas milenarias, ubicadas na parte baixa do balneario.

O balance destes dous días realizado por Luísa González, presidenta do Observatorio da Mariña pola Igualdade, é que se tratou dun encontro “moi positivo, gratificante e enriquecedor non só para o propio Observatorio, senón tamén para todas e todos os asistentes, a xulgar polas valoracións tan optimistas que nos transmitiron na folla de avaliación final”. Unha constante nas valoracións das e dos participantes é que, segundo González, “as persoas que participaron nesta primeira edición manifestaron que lles gustaría repetir a experiencia, alongando ademais o tempo de estadía no balneario así como o tempo dedicado aos debates e foros de reflexión, que a moita xente se lles fixeron curtos”, explicou. Por ese motivo, nas súas palabras, “a segunda edición da Escola de Formación Feminista Corona González xa figura no cronograma de actuacións do Observatorio. A propia consolidación da actividade contribuirá tamén ao noso obxectivo de darlle máis visibilidade á figura de Corona González, unha intelectual galega de comezos do século XX cunha clara conciencia feminista e nacional, e moi vinculada á vila de Ribadeo, cuxo importante labor fica aínda no esquecemento”.