E non paramos!! Despois do éxito da I Escola de Formación Feminista Corona González abrimos o prazo de inscrición ao obradoiro de sexualidade TUPPERSEX  que terá lugar en ribadeo o próximo venres día 21 ás 19.00 horas!

Todas as mulleres e homes maiores de 18 anos poden reservar xa a súa praza para participar o vindeiro venres 21 de maio de outubro, a partir das 19 horas, no obradoiro de sexualidade TUPPERSEX, que terá lugar na Casa do Mar de Ribadeo. Para iso, simplemente deben chamar ao teléfono do Observatorio 627037668 ou ben enviar un correo electrónico a observatorioigualdade@gmail.com, sempre antes do xoves día 20.

 A actividade, organizada polo Observatorio da Mariña pola Igualdade coa colaboración da Delegación de Igualdade do Concello de Ribadeo, será impartida por Natalia Domínguez, membra da asociación e tenda erótica Los Placeres de Lola. Esta será a segunda ocasión na que Los Placeres de Lola visita A Mariña, logo de teren estado en Burela en outubro de 2008 para impartir un multitudinario obradoiro de sexualidade organizado tamén polo Observatorio da Mariña pola Igualdade. (Poden ler a crónica en http://observatorioigualdade.blogaliza.org/2008/10/ )

 O principal obxectivo do obradoiro TUPPERSEX é favorecer cunha metodoloxía lúdica e formativa, e desde unha perspectiva feminista, o autocoñecemento da anatomía fisiolóxica de cadaquén, para rachar cos falsos mitos, tabús e prexuízos que existen arredor do sexo contribuíndo a que tanto mulleres como homes poidan coñecer mellor a súa sexualidade. O obradoiro busca tamén facilitar a adquisición, desenvolvemento e interiorización de hábitos sexuais saudábeis e seguros, así como a mellora da autoestima.

 O outro propósito do TUPPERSEX é presentar os diferentes xoguetes sexuais que existen no mercado mostrando as posibilidades do seu uso erótico, para que as persoas que o desexen poidan mercalos. En efecto, o TUPPERSEX debe o seu nome a esta segunda finalidade, xa que ten a súa orixe nas chamadas demostracións de ‘Tupperware’ tan comúns nas décadas pasadas, nas que varias persoas se reunían para apreciar a versatilidade e funcionalidade dun determinado produto, tendo posteriormente opción a mercalo. Los Placeres de Lola leva anos organizando ou participando en obradoiros de sexualidade TUPPERSEX, todos eles moi concorridos e de enorme éxito.

Esperámosvos!!

One Response to “Ábrese o prazo de inscrición ao obradoiro de sexualidade TUPPERSEX que terá lugar en Ribadeo o venres 21 ás 7 da tarde”
  1. Maria Says:

    Que boa iniciativa!