Archive for Marzo, 2010

O Observatorio da Mariña pola Igualdade acolle con moita satisfacción a noticia feita pública pola dirección do xornal La Voz de Asturias, na que anuncia a súa decisión de retirar das páxinas do xornal os anuncios de contactos sexuais e os anuncios de prostitución. O Observatorio dálle a benvida a que o xornal asturiano, propiedade de Mediapubli, prime os contidos éticos por riba dos beneficios económicos, e así admita que “esta actuación supone una pérdida de ingresos por la eliminación de los anuncios fijos de prostitución y las secciones por palabras de contactos sexuales, pero entiende que la defensa de los principios éticos está por encima de la repercusión monetaria”.

Dado o compromiso que o Observatorio da Mariña pola Igualdade ten no traballo a prol da igualdade de xénero na nosa comarca, desde a asociación feminista animan a que os medios de comunicación escritos con máis representatividade na Mariña sigan este exemplo, e dean os pasos necesarios para poren en práctica a moción promovida no Congreso de Deputadas/os a nivel español no ano 2007. Iso implica adoptar unha decisión valente e coherente, na que o compromiso pola loita dos dereitos humanos (neste caso, o dereito á igualdade) se sitúe por riba dos intereses económicos que levan a que a prensa galega embolse arredor de 5 millóns de euros ao ano grazas aos anuncios de prostitución.

 A boa acollida que tivo na sociedade asturiana este cambio de política de xénero no xornal La Voz de Asturias, só nos fai pensar que a sociedade mariñá recibiría con igual satisfacción esta noticia. Sen dúbida, isto redundaría nunha maior confianza da cidadanía da Mariña tocante aos medios de comunicación escritos a través dos que se informa.

 


Como xa sabedes, o pasado día 8 de marzo – con motivo da conmemoración do día das Mulleres – o Observatorio da Mariña pola Igualdade cumpriu os seus primeiros dous anos de andaina feminista. Para celebralo, fómonos de cea ao mesón A Maseira, en Foz, onde estivemos de festa ate altas horas!

Previamente celebramos unha Asemblea de Socios/as na casa do mar de Foz, na cal demos conta das actividades realizadas até o momento, da situación económica e das futuras actividades e proxectos que temos en mente para este 2010. Repartimos a todos/as os/as asistentes o libriño -memoria “Dous anos mirando pola igualdade”, así como chapas, autocolantes co lema “Eu tamén son feminista” e almanaques de peto do 2010.

Como xa vos dixemos no post anterior, moitas grazas a todas as persoas que nos seguides e apoiades! Coa vosa axuda,  colaboración e ilusión seguiremos a traballar  a prol da igualdade na Mariña!

Velaquí tedes unha mostra gráfica da cea do venres.

 


O próximo 8 de marzo, coincidindo co día da Muller Traballadora, celebramos o noso segundo aniversario!!!

Durante estes dous anos de andaina feminista, desde o Observatorio da Mariña pola Igualdade,  organizamos máis de vinte actividades entre campañas informativas, charlas-café, obradoiros, videoforum, talleres, cursos, etc. Os/As seguidores/as do blog sabedes do que falamos!!

Para celebralo irémonos de cea o próximo venres día 5. A cita terá lugar no restaurante A Maseira, en Foz. Antes da festa terá lugar unha Asemblea Xeral de socios/as na casa do mar de Foz, na que daremos conta do traballo realizado ate o momento, faremos balance da situación actual da asociación e presentaremos a memoria 2008-2010, que se entregará aos soci@s en forma de libriño. Por último, valoraranse as actividades propostas para o 2010.

Moitas grazas a todas as persoas que nos seguen e que, dun xeito ou outro, colaboran con nós. E, por suposto, ás mulleres mariñás que ao longo destes dous anos participaron nas actividades que realizamos nos distintos concellos da Mariña de Lugo!CONTINUAREMOS TRABALLANDO POLA IGUALDADE NA MARIÑA.