Archive for Febreiro, 2010

HOMES POR UN DÍA
02 20th, 2010

O pasado xoves día 18 tivo lugar, na Casa do Mar de Foz, o obradoiro “Ser home por un día”, impartido pola compañía teatral Chévere. Coa axuda das actrices Patricia de Lorenzo e Natalia Outeiro, e máis da maquilladora Estefanía Bello, as mulleres asistentes ao obradoiro convertémonos, por unhas horas, en homes.  

O taller teatral contou con dúas partes. Nunha primeira reflexionouse sobre o funcionamento dos roles tradicionais de xénero e sobre como estes limitan as nosas vidas. Neste sentido, analizouse o xénero como construción social e cultural, non natural nin innato nas persoas e, xa que logo, susceptíbel de ser modificado. Aplicándomonos a teoría, comezamos por aprender a ocupar o espazo, camiñar, falar, sorrir, xesticular, etc como homes, para despois mudarmos as nosas roupas por vestimentas masculinas e, coa axuda das profesionais de Chévere, caracterizarmos as nosas caras con barbas, patillas, perillas ou bigotes.

 

 

A segunda parte do taller teatral tivo lugar en distintos bares de Foz, procurando a interacción cos presentes. Deste xeito Suso, Carlos, Mario, Nando, Toño, Tito, Fran, Brais e o resto de compañeiros puxeron a proba as súas novas identidades.

 

“Ser home por un día” resultou unha experiencia moi interesante que nos fixo reflexionar sobre os roles e estereotipos de xénero. Animádevos, as participantes no obradoiro, a contar a vosa experiencia deixando un comentario!!!!!!!


A experiencia para-teatral terá lugar na Casa do Mar de Foz (Paseo da Ribeira)  o vindeiro xoves 18, entre as 16 e as 22 horas

 O Observatorio da Mariña pola Igualdade trae a Foz o obradoiro para-teatral SER HOME POR UN DÍA, impartido pola compañía teatral Chévere, unha actividade que promove o cambio de roles de xénero por parte das mulleres para descubriren, por un día, que se sente sendo home.

O prazo de inscrición para o obradoiro permanecerá aberto até o vindeiro martes 16 (martes de Entroido), e para anotarse abonda con enviar un correo electrónico a observatorioigualdade@gmail.com.

A actividade está dirixida preferentemente ás socias do Observatorio, e aquelas mulleres que desexen participar sen seren socias, terán que aboar 20 euros en concepto de matrícula (importe equivalente á cota anual de socia). Deste xeito, desde o Observatorio intentamos por unha banda ofrecer actividades ao un tempo lúdicas e formativas para as socias, así como mostrarlle á cidadanía a importancia que a súa contribución ten na consolidación de redes fluídas no asociacionismo mariñán.

 As mulleres que desexen participar deben levar a roupa de home que necesite para crear a súa identidade masculina (tamén gorras, calzado, gafas, garabatas, etc.). Debe levar tamén gomina para o pelo, unha venda elástica (mínimo de 10 cm. de ancho e 10 m. de longo) para disimular o peito e unhas tesoiras pequenas.

 Durante o obradoiro para-teatral, as actrices Patricia de Lorenzo e Natalia Outeiro e máis a maquilladora Estefanía Bello, da compañía teatral Chévere,  traballan con cada unha das participantes para crear unha nova identidade masculina e para acadar unha experiencia colectiva de emancipación de xénero.

O que se quere propoñer é un cambio de papeis. Por un día, polo menos, asumirán o personaxe do outro, para concienciarse de que o xénero é algo construído e, polo tanto, modificable. Apréndese así ocupar o espazo, camiñar, comer, beber, coller obxectos, sorrir, falar, etc., como homes. As participantes relacionaranse entre si como as súas personaxes e investigarán novos comportamentos. Remátase cunha visita a un lugar público como un bar, onde se poñen a proba as novas identidades.

Para máis información poden visitar a páxina:  www.grupochevere.eu