This entry was posted on domingo, xaneiro 24th, 2010 at 6:31 pm and is filed under NOVAS. You can follow any responses to this entry through the RSS 2.0 feed. You can leave a response, or trackback from your own site.
Os últimos meses do 2009 foron moi intensos en canto ás actividades e iniciativas promovidas polo Observatorio da Mariña pola Igualdade. Tan intensos, que a penas nos quedou nin tempo nin folgos para podermos ter o noso blog actualizado! (Ben, isto tamén é porque somos poucas a facer tantas cousas.. Xa sabedes que sodes todas benvidas!)
En calquera caso, e primeiriño de todo, queremos desculparnos por mantervos durante estes meses sen podedes ler as nosas noticias actualizadas. E dito isto, eis un resumo das actividades do Observatorio!
meses de novembro e decembro, Burela, Mondoñedo e Barreiros:
OBRADOIRO DE FOTOGRAFÍA DIXITAL “OLLADAS DE MULLERES”
Medio cento de mariñás participaron en “Olladas de mulleres. Visións desde A Mariña”, unha actividade desenvolvida en Burela, Mondoñedo e Barreiros co obxectivo de contribuír ao empoderamento das mulleres a través da fotografía.
A actividade tivo tres partes. Á primeira parte do obradoiro de fotografía dixital, seguiu unha segunda parte na que as mulleres porán en práctica os coñecementos adquiridos fotografando a súa realidade cotiá. A terceira parte da actividade consistiu na realización dunha exposición fotográfica en cada concello.
Os venres de novembro:
VÍDEO-FORUM “MULLERES NO MUNDO” EN FOZ, EN COLABORACIÓN COA UNED E RADIOFOZ
O obxectivo da iniciativa foi achegarlle mediante o cinema á cidadanía mariñá e galega a realidade vital de mulleres moi diversas pertencentes a ámbitos sociais e culturais afastados e distantes. Vimos e comentamos películas como Mooladé (Protección), sobre Senegal; Kandahar, sobre a situación das mulleres afgás, Grbavica. El secreto de Esma, sobre a violación como crime de guerra na ex-Iugoslavia, El círculo, sobre a resistencia das mulleres en Irán, e Caramel, sobre a situación feminina no Líbano. Con estes filmes comprobamos, por un lado, que a discriminación de xénero é unha cuestión universal que afecta a todas as mulleres do mundo, aínda que adquire unhas materialización diferentes en función das continxencias que definen cada sociedade e cultura. E polo outro, que non hai un único xeito de “ser muller” nin unha esencia feminina, senón que a pluralidade de experiencias vitais e de desexos das mulleres obríganos a ter sempre en conta a enorme diversidade de mulleres. Alén disto, a experiencia serviu para pór en valor as contribucións das mulleres aos distintos eidos do saber, destacando neste caso o traballo das directoras de cinema.
20 novembro:
O OBSERVATORIO ESTIVO NO IES ‘MONTE CASTELO’ PARA ABORDAR AS “Violencias visíbeis… e invisíbeis: da publicidade ao aborto”
O obxectivo desta actividade, promovida polo profesorado do centro educativo en colaboración co Observatorio da Mariña pola Igualdade, foi achegarlle ás mozas e mozos unha visión global sobre a violencia de xénero desde un enfoque de prevención. Con este obxectivo, amosouse que mentres que hoxe se fala moito da violencia de xénero máis explícita (aquela que acaba en agresións físicas ou asasinatos de mulleres), as verdadeiras causas que son caldo de cultivo para esta violencia radican na construción dos roles de xénero dunha forma moi discriminatoria para as mulleres. Por iso, Carolina García e Olga Castro trataron de desenmascarar algunhas violencias contra as mulleres que na actualidade aínda permanecen máis invisíbeis, pero a través das que se van construíndo estas percepcións discriminatorias sobre as mulleres que acaban en formas de violencias máis explícitas. Entre elas, destacaron o papel dos medios de comunicación, da publicidade, da linguaxe sexista e da negación ás mulleres a decidiren sobre o seu propio corpo, por exemplo no caso do aborto.
novembro:
FINALISTAS NO CONCURSO “SAE A ESCENA”, DO MINISTERIO DE IGUALDADE, COA OBRA TEATRAL
Participamos neste concurso “SAE A ESCENA”, organizado polo Ministerio de Igualdad do goberno estatal, para denunciar a lacra da violencia de xénero. Malia haber máis dun cento de proxectos participantes, o Observatorio superamos a primeira criba e pasamos á fase de finalistas! Queremos abofé agradecervos a vosa colaboración e apoio a todas as persoas que votastes por nós.
22 novembro:
ESCENIFICACIÓN DA OBRA TEATRAL “TIRANDO DO FÍO DA VERGOÑA” EN RIBADEO CON MOTIVO DO 25 DE NOVEMBRO
A partir das 13 horas, nos Cantóns de Ribadeo, o Observatorio da Mariña pola Igualdade representamos a obra teatral TIRANDO DO FÍO DA VERGOÑA, coa que buscamos concienciar á poboación sobre a lacra da violencia machista. Na respresentación participaron tamén persoas doutros colectivos sociais e culturais da Mariña. Ao final da representación lemos un MANIFESTO para reivindicar a reflexión e comprensión das causas que xeran este tipo de violencia, así como para avaliar os avances e aspectos pendentes. O Manifesto, impulsado polo Observatorio, estaba subscrito por numerosos colectivos culturais e sociais da Mariña, como o Colectivo 8 de Marzo (Ribadeo), a ongd Amarante (Ribadeo), a Asociación cultural A Pomba do Arco (Foz), o Colectivo Cultural Buril (Burela), a SCDR Palestina (Burela), a Asociación Cultural Paco Lanza (Ribadeo), a Asociación Cultural O Tesón (Ribadeo) ou o Colectivo Cultural Ollomao (Barreiros).
decembro:
EXPOSICIÓNS EN BURELA E MONDOÑEDO DAS FOTOGRAFÍAS DE “OLLADAS DE MULLERES“
O Observatorio da Mariña pola Igualdade organizou a exposición “OLLADAS DE MULLERES, VISIÓNS DESDE A MARIÑA”, unha selección das mellores fotografías realizadas polas participantes no obradoiro de fotografía dixital do mesmo nome, que desde o mes de outubro tivo lugar nos concellos de Mondoñedo e Burela.
Burela acolleu na Casa de Cultura as mostras fotográficas do 14 de decembro ao 14 de xaneiro, mentres que en Mondoñedo as fotos expuxéronse do 12 de decembro até finais de mes no Centro Comarcal de Mondoñedo. En Barreiros a exposición terá lugar durante febreiro de 2010.
Para quen aínda non as puidera ver, o colofón da actividade será unha exposición final conxunta durante o mes de marzo, de forma que así se poidan apreciar as realidades cotiás das mulleres de Burela, Mondoñedo e Barreiros.
Iremos informando no blog de todos os detalles para que non a perdades!
Leave a Reply






