Archive for Outubro, 2009

Goretti Sanmartín e Olga Castro estiveron no pub Panadeiras de San Cibrao este venres 23 de outubro para debater sobre a cuestión da lingua desde unha perspectiva de xénero, dentro do ciclo de charlas-café FALEMOS DE…

Co título de “XÉNERO E IDIOMA: QUEREMOS GALEGO, QUEREMOS IGUALDADE!” ambas as dúas expertas reivindicaron a unión da causa a prol do galego e da causa feminista. Así, abordaron cuestións como a influencia que ser muller ou home ten nos usos lingüísticos do galego, a importancia de que as políticas de normalización lingüística do galego teñan en conta as pautas de linguaxe non sexista, a violencia que supón culpabilizar ás mulleres da perda de falantes pola non transmisión interxeracional da lingua ou a tamén actitude violenta de negarlles ás nenas (máis cós nenos) a aprendizaxe da lingua propia.

goretti&olga

P1020386

goretti sanmartín e olga castro

goretti sanmartín e olga castro

P1020380


A partir das 20.30 horas o pub “Panadeiras” acollerá esta iniciativa, a primeira que o Observatorio organiza en San Cibrao, na que intervirán as expertas en lingüística feminista Goretti Sanmartín e Olga Castro

Dentro do grande debate sobre o idioma que se está a vivir na sociedade galega nos últimos meses, o Observatorio da Mariña pola Igualdade propón abordar que implicacións ten o uso dun ou outro idioma desde a perspectiva de xénero. Deste xeito, co título de “FALEMOS DE… XÉNERO E IDIOMA: QUEREMOS GALEGO, QUEREMOS IGUALDADE”, a asociación feminista comarcal leva a San Cibrao a súa iniciativa das charlas-café, no que será a primeira actividade que desenvolven nesta vila. A cita será este venres día 23 a partir das 20.30 horas, no pub PANADEIRAS (rúa Aduana), en San Cibrao.

Na charla-café intervirán Goretti Sanmartín Rei, doutora e profesora en Filoloxía Galega e actualmente directora do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña e Olga Castro Vázquez, investigadora da Universidade de Vigo experta en xénero e linguaxe, e vicepresidenta do Observatorio da Mariña pola Igualdade. As relatoras abordarán como ser muller ou home inflúe nos usos lingüísticos en galego, e tratarán así mesmo a linguaxe sexista e as pautas do galego non sexista.

O ciclo de charlas-café FALEMOS DE… é unha actividade a través da que periodicamente se debaten en diferentes vilas da comarca sobre temas relevantes para avanzar na igualdade de xénero. Así pois, a iniciativa ten como propósito de dar a coñecer as problemáticas que afectan de forma específica ás mulleres da comarca, enfocando a realidade da nosa contorna desde unha perspectiva de xénero que teña en conta as particularidades coas que mulleres e homes vivimos cada situación social. Por este motivo, están abertas e dirixidas a mulleres e homes.

A actividade resulta innovadora de seu na nosa comarca, pero ademais presenta o aliciente de ter un formato ameno e participativo. Así, lonxe do formato de conferencia convencional, o ciclo de charlas-café FALEMOS DE… busca a interacción das relatoras cos homes e mulleres do público nun ambiente agradábel e acolledor, onde ao mesmo tempo que se escoitan as intervencións se poida tamén tomar unha consumición.

Logo de ter tratado temas como “A repercusión da crise económica nas mulleres” en Ribadeo, “O aborto a debate” e “Mulleres no Deporte” en Burela ou “A segregación por sexos nas aulas” en Foz, nesta ocasión a cita ten lugar en San Cibrao. No mes de decembro retomaranse as charlas-café para abordar “A endometriose, a enfermidade que afecta ao 10% das mulleres” de novo en Ribadeo.

FalemosDe_Xenero&Idioma


Nas sesións, que se desenvolverán na UNED durante cinco venres pola tarde a partir do día 30, visionaranse cinco filmes estranxeiros para invitar a reflexionar desde unha perspectiva de xénero sobre realidades sociais e culturais diferentes á galega

 

MULLERES NO MUNDO” é o título da nova actividade que organiza o Observatorio da Mariña pola Igualdade, en colaboración coa aula universitaria da UNED e con Radiofoz, para achegarlle mediante o cinema á cidadanía mariñá e galega a realidade vital de mulleres moi diversas pertencentes a ámbitos sociais e culturais afastados e distantes.

O vídeo-forum “MULLERES NO MUNDO” desenvolverase nas aulas da UNED de Foz durante cinco venres consecutivos, a partir do día 30 de outubro, en horario de 19 a 21 horas. O prazo de inscrición está xa aberto, e na actividade poden anotarse todas as persoas que o desexen, aínda que para as alumnas e alumnos da UNED estanse a tramitar créditos de libre configuración. Quen desexe inscribirse na actividade, totalmente gratuíta, debe pórse en contacto coa UNED de Foz, ben escribindo un correo electrónico a foz@lugo.uned.es, chamando por teléfono ao 982133699 ou acudindo presencialmente ás aulas da universidade en Foz (sitas na rúa Castelao, s/n).

As sesións de “MULLERES NO MUNDO” estarán guiadas por membras do Observatorio da Mariña pola Igualdade. A metodoloxía a seguir consiste en realizar unha breve presentación e contextualización do filme,  para a continuación realizar o visionado da película que corresponda a cada día:

● 30 de outubro: Mooladé (Protección). Dirección de Ousmane Sembene, Senegal.

● 6 de novembro: Kandahar. Dirección de Mohsen Makhmalbaf, Afganistán.

● 13 de novembro: Grbavica. El secreto de Esma. Dirección de Jasmila Zbanic, Serbia.

● 20 de novembro: El círculo. Dirección de Jafar Panahi, Irán.

● 27 de novembro: Caramel. Dirección de Nadine Lebaki, Líbano.

A continuación, realizarase un debate e reflexión posterior sobre diferentes aspectos abordados en cada filme, seguindo sempre unha metodoloxía participativa e aberta na que a monitora sexa condutora das reflexións do grupo.

O principal obxectivo que persegue o Observatorio da Mariña pola Igualdade con esta iniciativa é a de darlle a coñecer á cidadanía galega, homes e mulleres, as realidades vitais de mulleres moi diversas de Senegal, Afganistán, Serbia, Irán e Líbano. Deste xeito, pretendemos destacar, por un lado, que a discriminación de xénero é unha cuestión universal que afecta a todas as mulleres do mundo, aínda que adquire unhas materialización diferentes en función das continxencias que definen cada sociedade e cultura. E polo outro, que non hai un único xeito de “ser muller” nin unha esencia feminina, senón que a pluralidade de experiencias vitais e de desexos das mulleres obríganos a ter sempre en conta a enorme diversidade de mulleres. Alén deste obxectivo principal, desde o Observatorio preténdese tamén contribuír a pór en valor as contribucións das mulleres aos distintos eidos do saber, destacando neste caso o traballo das directoras de cinema.

Mª Fuensanta Otero Beltrán

Coordinadora da UNED Aula Universitaria de Foz

Rúa Castelao s/n-27780 Foz

Tlfno.: 982.133.699

 

Más información de la UNED-Aula Universitaria de Foz

http://www.unedaulafoz.blogspot.com

Cartel_Cine_Forum_Femenino_1


Na cuarta charla-café FALEMOS DE… organizada polo Observatorio da Mariña pola Igualdade reflexionamos sobre a segregación por sexos nas aulas desde unha perspectiva de xénero. Tivemos a sorte de contar coa participación da doutora en psicopedagoxía, profesora da Universidade da Coruña e experta en coeducación Ana Sánchez Bello, e tamén da responsábel comarcal da Mariña da CIG-Ensino Dores Fernández Abel.

charla-cafe 9 outubro 006

charla-cafe 9 outubro 008


Este venres día 9 en Foz levarase a cabo a cuarta sesión das charlas-café “Falemos de..” organizadas pola asociación, Observatorio da Mariña pola Igualdade.

Dentro do gran debate sobre a educación que se está a vivir na sociedade galega e na española nos últimos meses, o Observatorio da Mariña pola Igualdade o que propón con esta charla , é abordar o tema da SEGREGACIÓN POR SEXOS NAS AULAS, dita charla, será este venres día 9 no Restaurante ” A Caracola” en Foz as 20:00 horas.

 

As poñentes que estarán presentes será, Ana Sánchez Bello, doutora en psicopedagoxía e profesora titular da facultade de Ciencias da Educación na Universidade da Coruña, experta en temas de coeducación e autora de numerosas publicacións sobre o tema, e máis Dores Fernández Abel, presidenta da asociación cultural Francisco Lanza e Secretaria Comarcal da CIG ensino na Mariña Lucense.

FalemosDeSegregaciónSexoAulas_