Archive for Setembro, 2009

Charla-café "Falemos de... Mulleres no deporte! 1"

Unha conclusión clara podemos tirar da charla-café que o Observatorio da Mariña pola Igualdade organizou o venres 25 de outubro na cervexaría Tapiñas de Burela co título de FALEMOS DE… MULLERES NO DEPORTE: tense andado moito, mais aínda queda un longo camiño por andar.
A estas conclusións leváronnos as intervencións da psicóloga deportiva Juana Blanco e da vicepresidenta de MUDEGA Mercé Barrientos, esta última animando tamén a todas as mulleres deportistas a que coñezan a asociación MULLERES DEPORTISTAS GALEGAS, que está a desempeñar un importante labor para contribuír á igualdade de xénero no deporte. Pero tamén, as da atleta ribadense Ana María Ferradás (que malia ser campioa de España e participar en competicións europeas, compartiu con nós un triste repertorio de “anécdotas” marcadas pola discriminación de xénero) e as da xogadora profesional do Burela Futbol Sala Feminino Rosana Carballés (equipo co que logrou o ascenso á máxima categoría estatal de División de Honra na anterior tempada). O ambiente acolledor da cervexaría Tapiñas e o interesante tema desta charla-café fixo que a conversa se alongase até ben entrada a noite. É que, definitivamente, queda moito camiño por andar. Pero cada días somos máis as persoas que estamos dispostas a unirnos á andaina!

Charla-café "Falemos de... Mulleres no deporte! 2"

Charla-café "Falemos de... Mulleres no deporte!"


O Observatorio da Mariña pola Igualdade retoma o ciclo de charlas-café “Falemos de..” despois da excelente acollida que tiveron as anteriores sesións celebradas antes do verán. O tema escollido para a terceira cita, que terá lugar na Cervexaría Tapiñas de Burela (antiga Zaranda, na Avda. Arcadio Pardiñas, 146 galerías), é Mulleres no deporte.

Na sesión participarán dúas deportistas de élite da Mariña, como son a xogadora do Burela Futbol Sala, Rosana Carballés, e a atleta ripense, Ana Mª Ferradás, que darán conta da súa experiencia como deportistas e do que implica ser muller neste mundo.

Pero tamén se contará coa visión de Juana Blanco, psicóloga deportiva que traballa na comarca, e de Mercé Barrientos, presidenta da Federación Galega de Taekowondo e a vicepresidenta da recén creada asociación MUDEGA.

O ciclo de Charlas-Café, Falemos de.. é unha actividade a través da que periodicamente se debaten en diferente vilas da comarca sobre temas relevante para avanzar na igualdade de xénero, polo que están abertas e dirixidas a toda a cidadanía (mulleres e homes). A actividade resulta novedosa de seu na comarca, pero ademais presenta o alicente de ter un formato ameno e participativo. Así, lonxe do formato de conferencia convencional, o ciclo de charlas-café, busca a interacción das relatoras cos homes e mulleres do público nun ambiente agradábel e acolledor, onde ao mesmo tempo que se escoitan as intervencións se poidan tamén tomar unha consumición.

Deste xeito o Observatorio quere afondar no seu obxectivo de dar a coñecer as problemáticas que afectan de forma específica ás mulleres da comarca, enfocando a realidade da nosa contorna desde unha perspectiva de xénero que teña en conta as particularidades coas que mulleres e homes vivimos cada situación social.

Esperamos contar coa vosa presenza.