Archive for Marzo, 2009

O Observatorio da Mariña pola Igualdade constituíse formalmente en marzo de 2008, tendo entre os seus obxectivos o de velar, dentro da comarca, polo cumprimento dos dereitos humanos das mulleres.

Froito da iniciativa do goberno estatal de lexislar unha Lei do Aborto que substitúa á actual regulación (segundo a cal a interrupción voluntaria do embarazo é un delito só despenalizábel en tres supostos), nos últimos días estamos asistindo a un debate social sobre o dereito ao aborto. Este debate ten unha repercusión directa na vida das mulleres da Mariña, e por este motivo DESDE O OBSERVATORIO DA MARIÑA POLA IGUALDADE POSICIONÁMONOS PUBLICAMENTE A FAVOR DUNHA LEI DO ABORTO:

que poña fin á dobre moral das sociedades, deixando de considerar o aborto como un delito, só despenalizábel en tres supostos. Segundo a Federación de Planificación familiar de España, cada ano realízanse no mundo 46 millóns de interrupcións voluntarias do embarazo, dos cales 19 millóns practícanse en condicións de risco. En Galiza o número de casos de IVE vai en aumento, e por exemplo no ano 2007 realizáronse un total de 3127 intervencións. Xa que logo, consideramos que lexislar a favor dunha realidade social que no día a día xa existe, só pode supor garantías e melloras para o conxunto da cidadanía.

que constitúa un importante avance nos dereitos das mariñás, garantíndolles o dereito humano básico de decidir con liberdade sobre as súas vidas, sobre o seu propio corpo, sobre a maternidade e a súa privacidade.

que garanta que todas as mariñás que desexen exercer o seu dereito humano da interrupción voluntaria do embarazo poidan facelo a través da sanidade pública (no Hospital da Costa, centro sanitario de referencia na nosa comarca) dunha forma segura, sen riscos para a saúde e gratuíta, garantindo así a igualdade entre todas as mulleres sen que importe o seu nivel económico (requisito até agora indispensábel para poder exercer o dereito en clínicas privadas).

Por suposto, esixir que as mariñás poidan exercer o seu dereito á IVE na sanidade pública require á súa vez unha:

unha regulación da obxección de conciencia do persoal sanitario responsábel de realizar as intervencións.

unha lei de prazos. A maioría dos países do contexto europeo optaron por unha lei de prazos combinada con indicacións para a regulación do aborto. En contra de falsas crenzas moi estendidas e recorridas nos últimos días, nos países con leis de prazos máis amplas non se producen as maiores taxas de interrupcións voluntarias do embarazo (por exemplo, unha das taxas máis baixas a nivel europeo dáse en Holanda, país no que o dereito ao aborto se regulou a través dunha lei de prazos máis amplos, permitindo a interrupción voluntaria do embarazo até as 24 semanas de xestación).

que leve canda si unha Lei xeral de saúde sexual e reprodutiva onde, xunto á interrupción voluntaria do embarazo, se recollan estratexias conxuntas para diminuír o número de abortos provocados, para mellorar a educación sexual e para garantir na nosa comarca uns servizos accesíbeis e oportunos de contracepción para a prevención dos embarazos non desexados de todas as mariñás. Desde logo que a interrupción voluntaria do embarazo non pode ser tratada como unha medida contraceptiva máis, pero si debe ser recoñecido como un dereito para que, chegado o caso, as mulleres poidan decidir libremente sobre as súas vidas.

A teor das cifras que antes presentamos sobre a interrupción voluntaria do embarazo, sentir o pulso da sociedade na actualidade implica ter claro que neste momento non se está a demandar un debate sobre “aborto si” ou “aborto non”, pois ese debate tivo xa lugar nos anos 80. Agora trátase de lexislar sobre unha práctica que se está a producir de facto; neste momento a sociedade mariñá o que demanda é un debate sobre os xeitos máis xustos e eficaces de garantir para todas as mariñás o seu dereito humano a decidir sobre as súas vidas e a poder exercer o dereito da interrupción voluntaria do embarazo de xeito libre, seguro e gratuíto.

A Mariña, 25 de marzo de 2009.

OBSERVATORIO DA MARIÑA POLA IGUALDADE


O Caseto de Copa de Cervo acolleunos este sábado día 7 de marzo na celebramos do noso I ANIVERSARIO, na véspera ademais do Día das Mulleres. O acto/festa comezou ás 12.30, cunha presentación cara aos medios de comunicación e cara ao público en xeral da memoria de actividades 2008.
Durante o noso primeiro ano de vida levamos adiante actividades tan dispares como unha xornada informativa sobre o réxime das traballadoras do fogar, coa colaboración da Asociación Xiara de Compostela; o curso de fotografía dixital para mulleres e posterior exposición fotográfica Olladas de Muller; a participación no programa Tempos de Mulleres organizado pola Secretaría Xeral de Igualdade e que nos levou tamén a unha fin de semana de convivencia en Panxón; o obradoiro de sexualidade Tuppersex que organizamos en Burela en colaboración coa Delegación de Igualdade deste concello; e máis unha acción teatral contra a violencia de xénero que celebramos en Foz para sensibilizar á cidadanía sobre o que implica para a sociedade esta lacra machista.
Na festa do sábado tamén presentamos o calendario de actividades para este ano 2009, no que desde o Observatorio continuaremos no noso empeño de organizar e desenvolver proxectos a prol da igualdade de xénero en diferentes vilas mariñás, para deste xeito seguir acercando as actividades de sensibilización de xénero a todos os recantos da nosa bisbarra.
Despois da presentación chegou o xantar de aniversario. Na sobremesa animámonos a pórlle á torta unha candea co número 1, e pedir un desexo antes de apagala cos nosos sopros. Tampouco faltaron os agasallos! Repartismo entre todas nós adhesivos co lema “EU TAMÉN SON FEMINISTA”, folletos da campaña DÁLLE A VOLTA, as novas chapas do Observatorio… En fin, unha festa magnífica!