Archive for Novembro, 2008

O Observatorio da Mariña pola Igualdade sumouse aos actos de sensibilización contra a violencia de xénero promovendo unha acción teatral de rúa, que tivo lugar o sábado 22 de novembro en Foz. O acto foi moi emotivo, e nel participaron medio cento de persoas que quixeron amosar a súa repulsa ante este tipo de violencia que parte do carácter estrutural que ten a discriminación de mulleres na sociedade.


Untitled from Observatorio Igualdade on Vimeo.

Entre lusco e fusco, ás seis da tarde a cor negra apoderouse da rúa peatonal Xoán Montes. Tamén de negro ían enfundadas as participantes representación teatral, unha cor que só quedou rachada polas luvas brancas e as caretas tamén brancas que lles cubrían o rostro. A música comezou e as figuras quedaron inmóbiles no improvisado escenario no que se converteu unha lona negra. Ao pouco, unha a unha as participantes partían da súa imaxe estática para recoller unha das infinitas esquelas das mulleres asasinadas en actos de violencia de xénero. Coa esquela na man, camiñaban cara ao público para mostrarlle o nome, idade e cidade da vítima. Logo pousaban a esquela no chan e colocábanlle enriba o par de zapatos de levaban postos, como sinal de recordo por cada unha das vítimas. Zocas, botas, tenis, zapatos de tacón de agulla, zapatillas de casa, chanclas da praia, bambas, ‘francesitas’ ou katiuskas compartían escenario en Foz, como xeito tamén de reflectir os diferentes tipos de mulleres que morreron asasinadas no estado español no que levamos de ano polo único feito de seren mulleres. Porque calquera muller, polo feito de selo, é vítima potencial desta lacra social. Por iso, o manifesto co que se puxo final ao acto, foi contundente: QUEREMOS VIVIR NUNHA MARIÑA SEN VIOLENCIA DE XÉNERO, NUNHA GALIZA SEN VIOLENCIA DE XÉNERO, NUN MUNDO SEN VIOLENCIA DE XÉNERO.

Acción teatral

Acción teatral 3


O Observatorio da Mariña pola Igualdade traerá a Foz o programa TEMPOS DE MULLERES para formar ás mulleres sobre temas de xénero a través da participación dinámica e do traballo en grupo como eixo vertebrador da aprendizaxe. O obxectivo de Tempos de Mulleres é potenciar o proceso de empoderamento das mulleres, promovendo un tempo e un espazo de encontro e relación entre elas, así como fomentar a participación igualitaria e nunha igual valoración das potencialidades de homes e mulleres.

O único requisito para participar é ser muller e maior de idade. O prazo para inscribirse estará aberto até o vindeiro domingo 23 de novembro, e as xornadas celebraranse das 20 ás 22 horas da noite dos días 24, 26 e 27 de novembro e 1, 3 e 4 de decembro, na Casa do Mar de Foz. Para anotarse, abonda chamar ao 696213664 ou ben enviar un correo electrónico ao e-mail observatorioigualdade@gmail.com, sempre antes do domingo 23 de novembro.

Read the rest of this entry »