Archive for Outubro, 2008

Ás 20.30 horas do pasado venres 10 de outubro, no salón de actos da Casa do Mar de Burela non cabía nin un alfinete. Malia que as prazas eran limitadas e malia que para participar no Tuppersex era necesario terse inscrito previamente, moitas persoas uníronse no último momento á iniciativa facendo que o aforo do salón de actos quedase pequeno. E é que a sexualidade é un tema abondo importante do que non é doado ter oportunidade de informarse e formarse, e de aí a excelente acollida desta iniciativa organizada polo colectivo feminista Observatorio da Mariña pola Igualdade, coa colaboración da Delegación de Igualdade do Concello de Burela. O grupo de persoas que participaron no obradoiro foi do máis heteroxéneo, abranguendo a moitas mulleres e numerosos homes desde os 18 até os 70 anos que foron, e niso si que coincidiron, moi participativas e participativos. A especialista encargada de impartir o obradoiro foi Natalia Domínguez, pedagoga, técnica de igualdade e taperseira galega da tenda erótica Los Placeres de Lola.

Tuppersex Burela

Tuppersex Burela

Desde o comezo Domínguez deixou claro o obxectivo primordial do Tuppersex: reaprender a sexualidade desde unha perspectiva feminista, superando así o modelo androcéntrico e dominante do sexo que tan interiorizado temos. Para iso cumpría, en primeiro lugar, saber que o clítoris é un órgano do corpo das mulleres cuxa única e exclusiva función é dar pracer. E cumpría tamén, en segundo lugar, “desxenitalizar” a sexualidade deixando a un lado os órganos xenitais para descubrir moitos outros órganos sexuais que son fonte de pracer, como por exemplo a pel. Para sacarlle o máximo proveito a estoutras zonas eróticas dos nosos corpos, a experta en sexualidade mostrou o uso de infinidade de produtos como aceites; xeles de masaxe; chocolate para pintar o corpo (comestíbel!); lubricantes; bólas chinesas (que teñen ademais beneficiosas propiedades terapéuticas, fortalecendo os músculos púbicos para previr a incontinencia urinaria); masaxeadores con vibrador (algúns mesmo somerxíbeis); pequenos vibradores disfrazados de pintabeizos; aneis de plástico para favorecer que durante a penetración a zona do clítoris sexa estimulada; artigos de bondage como plumas, xávegas ou vendas para privar á ou ao noso amante dalgún dos sentidos; dildos das máis variadas formas e tamaños; e por suposto o libro Los Placeres de Lola onde se explican os mesmos conceptos que nos obradoiros presenciais pero con moita máis profundidade.

Alén diso, o Tuppersex tamén tiña como obxectivo desterrar falsos mitos sobre a sexualidade que con frecuencia limitan a vida sexual plena das persoas. En contra do pensamento dominante, a exaculación feminina existe, o clímax sexual das mulleres non radica na vaxina (senón no clítoris) e o sexo anal pode ser tamén fonte de pracer, xa que o ano é unha das zonas do corpo con máis terminacións nerviosas e por tanto máis sensíbeis ao pracer. Para iso, explicou Domínguez, cómpre lubricalo moito e ben (porque ao contrario da vaxina non lubrica por si mesmo), e no caso de usar algún tipo de xoguete erótico é moi importante que teñan unha base ou tope que impida que poidan quedar no interior.

A seguridade na sexualidade era o terceiro grande obxectivo do obradoiro. Amais do popular preservativo masculino, a especialista en sexualidade mostrou o uso do preservativo feminino, así como dos dams ou parches de látex para protexerse das infeccións nas prácticas de sexo oral. Tamén nesta liña Domínguez mostrou o uso da copa menstrual (www.mooncup.co.uk), uns soportes de silicona para uso vaxinal durante a regra, reutilizábeis constantemente durante os días de período durante quince anos nos que non haberá que mercar nin tampóns nin compresas.

Produtos de Tuppersex

Produtos de Tuppersex

Logo das dúas horas de obradoiro, a especialista en sexualidade explicou o procedemento para facer os pedidos dos produtos eróticos á tenda Los Placeres de Lola. Quen non o fixera ao remate do Tuppersex, pode facelo a través da páxina web da tenda www.losplaceresdelola.com, indicando que acudiu ao Tuppersex de Burela (Lugo) o 10 de outubro de 2008, organizado polo Observatorio da Mariña pola Igualdade e impartido pola taperseira Natalia Domínguez.

Houbo tamén persoas que se interesaron polo proceso a seguir para organizar unha reunión-demostración Tuppersex máis íntima nas súas casas, seguindo o que é a verdadeira filosofía Tuppersex. Aínda que as indicacións están na páxina web, Domínguez explicou que calquera persoa maior de 18 anos pode organizalo sempre e cando os grupos que se reúnan sexan ou ben exclusivamente de mulleres ou ben mixtos, e sempre e cando ao final da reunión entre todas as persoas se realice un consumo mínimo de 200 euros en produtos da tenda. A xornada rematou pasadas as 23 horas co reparto gratuíto de preservativos masculinos de sabores, por xentileza do centro Quérote de Burela.

Mulleres e homes asistentes ao Tuppersex en Burela

Mulleres e homes asistentes ao Tuppersex en Burela


Todas as mulleres e homes maiores de 18 anos poden reservar xa a súa praza para participar o vindeiro venres 10 de outubro, a partir das 20.30 horas, no obradoiro de sexualidade TUPPERSEX, que terá lugar na Casa do Mar de Burela. Para iso, simplemente deben chamar ao teléfono do Observatorio 663617406 ou ben enviar un correo electrónico a observatorioigualdade[arroba]gmail.com.
Read the rest of this entry »