Archive for Abril, 2008

Medio cento de persoas, entre Ribadeo e Burela, déronse cita o 29 de marzo para asistir á xornada informativa sobre A SITUACIÓN DAS TRABALLADORAS DO FOGAR que organizou o Observatorio da Mariña pola Igualdade, e na que participou Carmela Casal, presidenta da Asociación de Empregadas do Fogar XIARA; unha representante da Plataforma Estatal pola Dignificación do Emprego das Traballadoras do Fogar; Luqui Matthews, director da curtametraxe ‘Esquecidas’; e Luísa González e Amara Méndez, do Observatorio da Mariña pola Igualdade.

Nas diferentes charlas déronse a coñecer os dereitos das traballadoras domésticas e debatéronse os cambios propostos polo Goberno na Reforma do Réxime das traballadoras do fogar. Neste sentido, recoñécense as melloras propostas, pero sinaláronse todas as carencias que esta proposta aínda ten en moitos eidos (carencia de contrato escrito, descontos por manutención e aloxamento, descansos, baixas laborais, xornadas máximas, cotización, prestacións por desemprego, situación das traballoras inmigrantes, etc), e presentáronse finalmente propostas para atallar estas carencias de xeito que as condicións laborais das traballadoras domésticas estean equiparadas ás doutros traballos.

Tanto a sesión de Ribadeo como a de Burela comezaron coa proxección da curtametraxe Esquecidas (producida pola Asociación XIARA e Espazo Aberto Galiza Filmes e presentada en outubro de 2007) no que se lle dá voz e imaxe ao traballo invisíbel de milleiros de empregadas do fogar, e no que se demostra tamén o que acontece cando o traballo doméstico (ese que ninguén valora), deixa de facerse.

Público en acto Xiara

Máis información sobre XIARA no seu blogue http://esquecidas.blogspot.es/
e tamén na nova publicada en Vieiros o 27 de outubro de 2007 con motivo da presentación.