O pasado sábado, día 6 de Febreiro, quedou inaugurada a exposición OLLADAS DE MULLERES: VISIÓNS DESDE A MARIÑA no concello de Barreiros. No acto, que congregou a medio cento de persoas, participaron a concelleira de cultura do municipio Adelina Rodríguez Fernández así como dúas compañeiras do Observatorio, Loli García Docobo e Paz Ramil Maseda. A primeira delas explicou aos/ás presentes as actividades e os obxectivos do Observatorio da Mariña pola Igualdade, entanto a segunda –a partir da súa propia experiencia como participante no obradoiro de fotografía dixital- explicou como se desenvolvera esta acción formativa e como fora para ela a experiencia coa cámara nos obradoiros. Antes de finalizar o acto e de desfrutar dos pinchos ofrecidos ás e aos asistentes fíxose entrega dos diplomas acreditativos de participación no obradoiro a todas as alumnas do mesmo. 

Recordade que a exposición estará ate o día 20 deste mes no centro social “Manuel Díaz Sampedro” en horario de 16h a 20h, de luns a venres. Esperámosvos!!


Logo da inauguración da exposición do mesmo nome en Mondoñedo e Burela o pasado mes de decembro, a partir deste sábado tócalle a Barreiros. Xustamente o sábado 6, a partir das 18.30 horas, inaugúrase no Centro Social “Manuel Díaz Sampedro” a exposición “OLLADAS DE MULLERES, VISIÓNS DESDE A MARIÑA”, unha selección das mellores fotografías realizadas polas participantes no obradoiro de fotografía dixital do mesmo nome, que desde o mes de novembro tivo lugar no concello de Barreiros organizado polo Observatorio da Mariña pola Igualdade.

Na inauguración en Barreiros deste sábado participarán a concelleira de cultura barreirense Adelina Rodríguez Fernández, xunto á directiva do Observatorio Loli García Docobo, ambas as dúas acompañadas de mulleres participantes no curso que darán conta das súas experiencias durante o obradoiro dixital de fotografía e durante a toma de decisións e organización da exposición. Haberá tamén un ágape, ao que están convidadas todas as persoas que acudan ao acto.

Cartel da Exposición "Olladas de Mulleres" en Barreiros

A exposición consta de 32 fotografías en cartón-pluma tamaño grande, o que a converte na máis numerosa dentro do ciclo Olladas de Mulleres. A mostra fotográfica poderá verse desde este sábado 6 até o 20 de febreiro no propio centro social “Manuel Díaz Sampedro”, de luns a venres de 16 a 20 horas.


Os últimos meses do 2009 foron moi intensos en canto ás actividades e iniciativas promovidas polo Observatorio da Mariña pola Igualdade. Tan intensos, que a penas nos quedou nin tempo nin folgos para podermos ter o noso blog actualizado! (Ben, isto tamén é porque somos poucas a facer tantas cousas.. Xa sabedes que sodes todas benvidas!)
En calquera caso, e primeiriño de todo, queremos desculparnos por mantervos durante estes meses sen podedes ler as nosas noticias actualizadas. E dito isto, eis un resumo das actividades do Observatorio!

meses de novembro e decembro, Burela, Mondoñedo e Barreiros:
OBRADOIRO DE FOTOGRAFÍA DIXITAL “OLLADAS DE MULLERES”
Medio cento de mariñás participaron en “Olladas de mulleres. Visións desde A Mariña”, unha actividade desenvolvida en Burela, Mondoñedo e Barreiros co obxectivo de contribuír ao empoderamento das mulleres a través da fotografía.
A actividade tivo tres partes. Á primeira parte do obradoiro de fotografía dixital, seguiu unha segunda parte na que as mulleres porán en práctica os coñecementos adquiridos fotografando a súa realidade cotiá. A terceira parte da actividade consistiu na realización dunha exposición fotográfica en cada concello.

Os venres de novembro:
VÍDEO-FORUM “MULLERES NO MUNDO” EN FOZ, EN COLABORACIÓN COA UNED E RADIOFOZ
O obxectivo da iniciativa foi achegarlle mediante o cinema á cidadanía mariñá e galega a realidade vital de mulleres moi diversas pertencentes a ámbitos sociais e culturais afastados e distantes. Vimos e comentamos películas como Mooladé (Protección), sobre Senegal; Kandahar, sobre a situación das mulleres afgás, Grbavica. El secreto de Esma, sobre a violación como crime de guerra na ex-Iugoslavia, El círculo, sobre a resistencia das mulleres en Irán, e Caramel, sobre a situación feminina no Líbano. Con estes filmes comprobamos, por un lado, que a discriminación de xénero é unha cuestión universal que afecta a todas as mulleres do mundo, aínda que adquire unhas materialización diferentes en función das continxencias que definen cada sociedade e cultura. E polo outro, que non hai un único xeito de “ser muller” nin unha esencia feminina, senón que a pluralidade de experiencias vitais e de desexos das mulleres obríganos a ter sempre en conta a enorme diversidade de mulleres. Alén disto, a experiencia serviu para pór en valor as contribucións das mulleres aos distintos eidos do saber, destacando neste caso o traballo das directoras de cinema.

20 novembro:
O OBSERVATORIO ESTIVO NO IES ‘MONTE CASTELO’ PARA ABORDAR AS “Violencias visíbeis… e invisíbeis: da publicidade ao aborto
O obxectivo desta actividade, promovida polo profesorado do centro educativo en colaboración co Observatorio da Mariña pola Igualdade, foi achegarlle ás mozas e mozos unha visión global sobre a violencia de xénero desde un enfoque de prevención. Con este obxectivo, amosouse que mentres que hoxe se fala moito da violencia de xénero máis explícita (aquela que acaba en agresións físicas ou asasinatos de mulleres), as verdadeiras causas que son caldo de cultivo para esta violencia radican na construción dos roles de xénero dunha forma moi discriminatoria para as mulleres. Por iso, Carolina García e Olga Castro trataron de desenmascarar algunhas violencias contra as mulleres que na actualidade aínda permanecen máis invisíbeis, pero a través das que se van construíndo estas percepcións discriminatorias sobre as mulleres que acaban en formas de violencias máis explícitas. Entre elas, destacaron o papel dos medios de comunicación, da publicidade, da linguaxe sexista e da negación ás mulleres a decidiren sobre o seu propio corpo, por exemplo no caso do aborto.

novembro:
FINALISTAS NO CONCURSO “SAE A ESCENA”, DO MINISTERIO DE IGUALDADE, COA OBRA TEATRAL
Participamos neste concurso “SAE A ESCENA”, organizado polo Ministerio de Igualdad do goberno estatal, para denunciar a lacra da violencia de xénero. Malia haber máis dun cento de proxectos participantes, o Observatorio superamos a primeira criba e pasamos á fase de finalistas! Queremos abofé agradecervos a vosa colaboración e apoio a todas as persoas que votastes por nós.

22 novembro:
ESCENIFICACIÓN DA OBRA TEATRAL “TIRANDO DO FÍO DA VERGOÑA” EN RIBADEO CON MOTIVO DO 25 DE NOVEMBRO
A partir das 13 horas, nos Cantóns de Ribadeo, o Observatorio da Mariña pola Igualdade representamos a obra teatral TIRANDO DO FÍO DA VERGOÑA, coa que buscamos concienciar á poboación sobre a lacra da violencia machista. Na respresentación participaron tamén persoas doutros colectivos sociais e culturais da Mariña. Ao final da representación lemos un MANIFESTO para reivindicar a reflexión e comprensión das causas que xeran este tipo de violencia, así como para avaliar os avances e aspectos pendentes. O Manifesto, impulsado polo Observatorio, estaba subscrito por numerosos colectivos culturais e sociais da Mariña, como o Colectivo 8 de Marzo (Ribadeo), a ongd Amarante (Ribadeo), a Asociación cultural A Pomba do Arco (Foz), o Colectivo Cultural Buril (Burela), a SCDR Palestina (Burela), a Asociación Cultural Paco Lanza (Ribadeo), a Asociación Cultural O Tesón (Ribadeo) ou o Colectivo Cultural Ollomao (Barreiros).

decembro:
EXPOSICIÓNS EN BURELA E MONDOÑEDO DAS FOTOGRAFÍAS DE “OLLADAS DE MULLERES
O Observatorio da Mariña pola Igualdade organizou a exposición “OLLADAS DE MULLERES, VISIÓNS DESDE A MARIÑA”, unha selección das mellores fotografías realizadas polas participantes no obradoiro de fotografía dixital do mesmo nome, que desde o mes de outubro tivo lugar nos concellos de Mondoñedo e Burela.
Burela acolleu na Casa de Cultura as mostras fotográficas do 14 de decembro ao 14 de xaneiro, mentres que en Mondoñedo as fotos expuxéronse do 12 de decembro até finais de mes no Centro Comarcal de Mondoñedo. En Barreiros a exposición terá lugar durante febreiro de 2010.
Para quen aínda non as puidera ver, o colofón da actividade será unha exposición final conxunta durante o mes de marzo, de forma que así se poidan apreciar as realidades cotiás das mulleres de Burela, Mondoñedo e Barreiros.

Iremos informando no blog de todos os detalles para que non a perdades!


Goretti Sanmartín e Olga Castro estiveron no pub Panadeiras de San Cibrao este venres 23 de outubro para debater sobre a cuestión da lingua desde unha perspectiva de xénero, dentro do ciclo de charlas-café FALEMOS DE…

Co título de “XÉNERO E IDIOMA: QUEREMOS GALEGO, QUEREMOS IGUALDADE!” ambas as dúas expertas reivindicaron a unión da causa a prol do galego e da causa feminista. Así, abordaron cuestións como a influencia que ser muller ou home ten nos usos lingüísticos do galego, a importancia de que as políticas de normalización lingüística do galego teñan en conta as pautas de linguaxe non sexista, a violencia que supón culpabilizar ás mulleres da perda de falantes pola non transmisión interxeracional da lingua ou a tamén actitude violenta de negarlles ás nenas (máis cós nenos) a aprendizaxe da lingua propia.

goretti&olga

P1020386

goretti sanmartín e olga castro

goretti sanmartín e olga castro

P1020380


A partir das 20.30 horas o pub “Panadeiras” acollerá esta iniciativa, a primeira que o Observatorio organiza en San Cibrao, na que intervirán as expertas en lingüística feminista Goretti Sanmartín e Olga Castro

Dentro do grande debate sobre o idioma que se está a vivir na sociedade galega nos últimos meses, o Observatorio da Mariña pola Igualdade propón abordar que implicacións ten o uso dun ou outro idioma desde a perspectiva de xénero. Deste xeito, co título de “FALEMOS DE… XÉNERO E IDIOMA: QUEREMOS GALEGO, QUEREMOS IGUALDADE”, a asociación feminista comarcal leva a San Cibrao a súa iniciativa das charlas-café, no que será a primeira actividade que desenvolven nesta vila. A cita será este venres día 23 a partir das 20.30 horas, no pub PANADEIRAS (rúa Aduana), en San Cibrao.

Na charla-café intervirán Goretti Sanmartín Rei, doutora e profesora en Filoloxía Galega e actualmente directora do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña e Olga Castro Vázquez, investigadora da Universidade de Vigo experta en xénero e linguaxe, e vicepresidenta do Observatorio da Mariña pola Igualdade. As relatoras abordarán como ser muller ou home inflúe nos usos lingüísticos en galego, e tratarán así mesmo a linguaxe sexista e as pautas do galego non sexista.

O ciclo de charlas-café FALEMOS DE… é unha actividade a través da que periodicamente se debaten en diferentes vilas da comarca sobre temas relevantes para avanzar na igualdade de xénero. Así pois, a iniciativa ten como propósito de dar a coñecer as problemáticas que afectan de forma específica ás mulleres da comarca, enfocando a realidade da nosa contorna desde unha perspectiva de xénero que teña en conta as particularidades coas que mulleres e homes vivimos cada situación social. Por este motivo, están abertas e dirixidas a mulleres e homes.

A actividade resulta innovadora de seu na nosa comarca, pero ademais presenta o aliciente de ter un formato ameno e participativo. Así, lonxe do formato de conferencia convencional, o ciclo de charlas-café FALEMOS DE… busca a interacción das relatoras cos homes e mulleres do público nun ambiente agradábel e acolledor, onde ao mesmo tempo que se escoitan as intervencións se poida tamén tomar unha consumición.

Logo de ter tratado temas como “A repercusión da crise económica nas mulleres” en Ribadeo, “O aborto a debate” e “Mulleres no Deporte” en Burela ou “A segregación por sexos nas aulas” en Foz, nesta ocasión a cita ten lugar en San Cibrao. No mes de decembro retomaranse as charlas-café para abordar “A endometriose, a enfermidade que afecta ao 10% das mulleres” de novo en Ribadeo.

FalemosDe_Xenero&Idioma


Nas sesións, que se desenvolverán na UNED durante cinco venres pola tarde a partir do día 30, visionaranse cinco filmes estranxeiros para invitar a reflexionar desde unha perspectiva de xénero sobre realidades sociais e culturais diferentes á galega

 

MULLERES NO MUNDO” é o título da nova actividade que organiza o Observatorio da Mariña pola Igualdade, en colaboración coa aula universitaria da UNED e con Radiofoz, para achegarlle mediante o cinema á cidadanía mariñá e galega a realidade vital de mulleres moi diversas pertencentes a ámbitos sociais e culturais afastados e distantes.

O vídeo-forum “MULLERES NO MUNDO” desenvolverase nas aulas da UNED de Foz durante cinco venres consecutivos, a partir do día 30 de outubro, en horario de 19 a 21 horas. O prazo de inscrición está xa aberto, e na actividade poden anotarse todas as persoas que o desexen, aínda que para as alumnas e alumnos da UNED estanse a tramitar créditos de libre configuración. Quen desexe inscribirse na actividade, totalmente gratuíta, debe pórse en contacto coa UNED de Foz, ben escribindo un correo electrónico a foz@lugo.uned.es, chamando por teléfono ao 982133699 ou acudindo presencialmente ás aulas da universidade en Foz (sitas na rúa Castelao, s/n).

As sesións de “MULLERES NO MUNDO” estarán guiadas por membras do Observatorio da Mariña pola Igualdade. A metodoloxía a seguir consiste en realizar unha breve presentación e contextualización do filme,  para a continuación realizar o visionado da película que corresponda a cada día:

● 30 de outubro: Mooladé (Protección). Dirección de Ousmane Sembene, Senegal.

● 6 de novembro: Kandahar. Dirección de Mohsen Makhmalbaf, Afganistán.

● 13 de novembro: Grbavica. El secreto de Esma. Dirección de Jasmila Zbanic, Serbia.

● 20 de novembro: El círculo. Dirección de Jafar Panahi, Irán.

● 27 de novembro: Caramel. Dirección de Nadine Lebaki, Líbano.

A continuación, realizarase un debate e reflexión posterior sobre diferentes aspectos abordados en cada filme, seguindo sempre unha metodoloxía participativa e aberta na que a monitora sexa condutora das reflexións do grupo.

O principal obxectivo que persegue o Observatorio da Mariña pola Igualdade con esta iniciativa é a de darlle a coñecer á cidadanía galega, homes e mulleres, as realidades vitais de mulleres moi diversas de Senegal, Afganistán, Serbia, Irán e Líbano. Deste xeito, pretendemos destacar, por un lado, que a discriminación de xénero é unha cuestión universal que afecta a todas as mulleres do mundo, aínda que adquire unhas materialización diferentes en función das continxencias que definen cada sociedade e cultura. E polo outro, que non hai un único xeito de “ser muller” nin unha esencia feminina, senón que a pluralidade de experiencias vitais e de desexos das mulleres obríganos a ter sempre en conta a enorme diversidade de mulleres. Alén deste obxectivo principal, desde o Observatorio preténdese tamén contribuír a pór en valor as contribucións das mulleres aos distintos eidos do saber, destacando neste caso o traballo das directoras de cinema.

Mª Fuensanta Otero Beltrán

Coordinadora da UNED Aula Universitaria de Foz

Rúa Castelao s/n-27780 Foz

Tlfno.: 982.133.699

 

Más información de la UNED-Aula Universitaria de Foz

http://www.unedaulafoz.blogspot.com

Cartel_Cine_Forum_Femenino_1


Na cuarta charla-café FALEMOS DE… organizada polo Observatorio da Mariña pola Igualdade reflexionamos sobre a segregación por sexos nas aulas desde unha perspectiva de xénero. Tivemos a sorte de contar coa participación da doutora en psicopedagoxía, profesora da Universidade da Coruña e experta en coeducación Ana Sánchez Bello, e tamén da responsábel comarcal da Mariña da CIG-Ensino Dores Fernández Abel.

charla-cafe 9 outubro 006

charla-cafe 9 outubro 008


Este venres día 9 en Foz levarase a cabo a cuarta sesión das charlas-café “Falemos de..” organizadas pola asociación, Observatorio da Mariña pola Igualdade.

Dentro do gran debate sobre a educación que se está a vivir na sociedade galega e na española nos últimos meses, o Observatorio da Mariña pola Igualdade o que propón con esta charla , é abordar o tema da SEGREGACIÓN POR SEXOS NAS AULAS, dita charla, será este venres día 9 no Restaurante ” A Caracola” en Foz as 20:00 horas.

 

As poñentes que estarán presentes será, Ana Sánchez Bello, doutora en psicopedagoxía e profesora titular da facultade de Ciencias da Educación na Universidade da Coruña, experta en temas de coeducación e autora de numerosas publicacións sobre o tema, e máis Dores Fernández Abel, presidenta da asociación cultural Francisco Lanza e Secretaria Comarcal da CIG ensino na Mariña Lucense.

FalemosDeSegregaciónSexoAulas_


Charla-café "Falemos de... Mulleres no deporte! 1"

Unha conclusión clara podemos tirar da charla-café que o Observatorio da Mariña pola Igualdade organizou o venres 25 de outubro na cervexaría Tapiñas de Burela co título de FALEMOS DE… MULLERES NO DEPORTE: tense andado moito, mais aínda queda un longo camiño por andar.
A estas conclusións leváronnos as intervencións da psicóloga deportiva Juana Blanco e da vicepresidenta de MUDEGA Mercé Barrientos, esta última animando tamén a todas as mulleres deportistas a que coñezan a asociación MULLERES DEPORTISTAS GALEGAS, que está a desempeñar un importante labor para contribuír á igualdade de xénero no deporte. Pero tamén, as da atleta ribadense Ana María Ferradás (que malia ser campioa de España e participar en competicións europeas, compartiu con nós un triste repertorio de “anécdotas” marcadas pola discriminación de xénero) e as da xogadora profesional do Burela Futbol Sala Feminino Rosana Carballés (equipo co que logrou o ascenso á máxima categoría estatal de División de Honra na anterior tempada). O ambiente acolledor da cervexaría Tapiñas e o interesante tema desta charla-café fixo que a conversa se alongase até ben entrada a noite. É que, definitivamente, queda moito camiño por andar. Pero cada días somos máis as persoas que estamos dispostas a unirnos á andaina!

Charla-café "Falemos de... Mulleres no deporte! 2"

Charla-café "Falemos de… Mulleres no deporte!"


O Observatorio da Mariña pola Igualdade retoma o ciclo de charlas-café “Falemos de..” despois da excelente acollida que tiveron as anteriores sesións celebradas antes do verán. O tema escollido para a terceira cita, que terá lugar na Cervexaría Tapiñas de Burela (antiga Zaranda, na Avda. Arcadio Pardiñas, 146 galerías), é Mulleres no deporte.

Na sesión participarán dúas deportistas de élite da Mariña, como son a xogadora do Burela Futbol Sala, Rosana Carballés, e a atleta ripense, Ana Mª Ferradás, que darán conta da súa experiencia como deportistas e do que implica ser muller neste mundo.

Pero tamén se contará coa visión de Juana Blanco, psicóloga deportiva que traballa na comarca, e de Mercé Barrientos, presidenta da Federación Galega de Taekowondo e a vicepresidenta da recén creada asociación MUDEGA.

O ciclo de Charlas-Café, Falemos de.. é unha actividade a través da que periodicamente se debaten en diferente vilas da comarca sobre temas relevante para avanzar na igualdade de xénero, polo que están abertas e dirixidas a toda a cidadanía (mulleres e homes). A actividade resulta novedosa de seu na comarca, pero ademais presenta o alicente de ter un formato ameno e participativo. Así, lonxe do formato de conferencia convencional, o ciclo de charlas-café, busca a interacción das relatoras cos homes e mulleres do público nun ambiente agradábel e acolledor, onde ao mesmo tempo que se escoitan as intervencións se poidan tamén tomar unha consumición.

Deste xeito o Observatorio quere afondar no seu obxectivo de dar a coñecer as problemáticas que afectan de forma específica ás mulleres da comarca, enfocando a realidade da nosa contorna desde unha perspectiva de xénero que teña en conta as particularidades coas que mulleres e homes vivimos cada situación social.

Esperamos contar coa vosa presenza.